Máis Alá!

Digámolo antes de ningún resultado electoral, sexan cales sexan.

É necesario abrir unha nova fase no proceso de articulación do espazo de ruptura. E os suxeitos principais que deben protagonizar esa recomposición son tanto as organizacións que desde 2012 se comprometen no proceso coma as xentes que se articularon nos espazos municipalistas e deron lugar ás mareas e candidaturas de unidade e converxencia.

Esa nova fase para o espazo de ruptura debe expresarse no plano programático e no organizativo, que non necesaria nin principalmente é o orgánico, non os confundamos. No programático, toca camiñar dous pasos máis alá do sentido común do réxime e o sistema, propoñer e propoñernos accións que ataquen e creben as súas lóxicas. No organizativo, hai que tecer espazo de ruptura moito máis alá das institucións, converter o traballo institucional nun reflexo das necesidades e decisións do conxunto do espazo social de ruptura. Todo iso requirirá, por un lado, pensar no programático para as eleccións municipais, xerais e europeas, pero tamén para establecer un marco común de traballo político máis alá do estritamente institucional; polo outro, empezar a abrir espazos de participación, deliberación e decisión sobre os procesos políticos nos que cómpre traballar.

O espazo de ruptura, que as clases subalternas identifican con certa claridade, ten moitas tarefas pendentes no proceso de consolidarse como alternativa ao estado de cousas. Nos últimos tempos sufriu importantes feridas, froito da reacción contundente dos poderes mediáticos, económicos, políticos e culturais, pero tamén de multitude de erros propios, entre os que non sería menor a tendencia á separación entre a expresión institucional do espazo e as maiorías sociais que deberan configuralo. Un efecto do sometemento ás lóxicas da representación e, por tanto, tamén, á superstición da política como feito autónomo. Non é improbable que todos eses problemas afecten negativamente nos próximos procesos electorais. Por iso talvez é máis importante aínda que a reflexión sobre a necesidade dun novo impulso na articulación do espazo de ruptura se vaia producindo xa, en común, para non terminar someténdose, por elevación ou por redución, ás vicisitudes dos resultados electorais que veñan. Nese sentido, a inmensa decepción e, por que non, frustración da ocupación de En Marea por parte de sectores que se viñeron enfrontando sistematicamente a todas as fases do proceso de ruptura, desde AGE ao Pacto de Mazarelos que orixina a coalición En Marea das xerais de 2015 e 2016, pode ser unha grande oportunidade. Oportunidade para comprender os problemas e para insistir na unidade e na confluencia, na transgresión de fronteiras identitarias que pexan as posibilidades de acción política socialmente relevante. E oportunidade, por tanto, para reconfigurar o propio espazo de ruptura.

Na fase que se abre, será importante relativizar os resultados electorais, sexan cales sexa, e aínda máis importante será o empeño común en construír movemento que dirixa a nosa participación nas institucións e que a obrigue a actuar sistematicamente nunha dirección de ruptura. Para iso cumprirá continuar e insistir tamén na destrución de moitos lugares comúns relacionados principalmente tanto co apego ás lóxicas autorreprodutoras das institucións, que temos que crebar, coma cos límites políticos destas propias institucións. Non hai lugar a que non haxa alternativa. Máis alá, a estupenda marca daquela candidatura traizoada, terá que ser o compromiso real de cada manifestación política do espazo de ruptura.

En calquera caso, as eleccións están aí e impoñen tamén as súas condicións. O feito de que se relativice os resultados non exclúe a necesidade de participar con toda a determinación, audacia e intelixencia para intentar obter os mellores resultados posibles. Pero a forma de levar a expresión electoral do espazo de ruptura galego, en construción desde 2012 polo menos, non se subtraerá a eses dous necesarios puntos de encontro: o programático e o organizativo. É unha evidencia.

No ámbito municipal, o espazo de ruptura terá que apoiar e promover, alá onde non houbese procesos autónomos previos, as candidaturas de unidade e, canda elas, unha segunda primavera municipalista que non se conforme xa só con acceder á institución e abrirlle as portas para que entre o aire. A segunda primavera municipalista terá que profundar nas políticas do común. Na municipalización de servizos, principalmente, pero tamén na apertura a formas e relacións económicas alternativas, en políticas de vivenda pública, medios de comunicación propios e outras iniciativas que apunten ao corazón da maquinaria feroz do sistema, por pequenas e simbólicas que poidan parecer. Ao mesmo tempo, cumprirá abrir xa nas cidades e nos concellos rurais institucións de poder popular que complementen e maticen o traballo dos Concellos, que o politicen, en parte, e que o obriguen a ir máis aló da pura xestión cotiá: xuntas de freguesía ou de parroquia e asembleas de barrio ou de distrito, todas con capacidade de deliberación e decisión sobre asuntos vinculados principalmente cos seus ámbitos de convivencia e relación. Cómpre superar definitivamente as políticas coas que se regula de maneira paternalista fórmulas simbólicas de participación veciñal a través de asociacións e doutros modos de representación que tenden a xerar relacións clientelares e de subalternidade.

Nos ámbitos estatal e europeo, o espazo de ruptura terá que seguir promovendo candidaturas de unidade e confluencia máis alá das lóxicas identitarias clásicas do modelo de representación. Esas lóxicas tenden a fosilizar a acción política, a reducila a un simple exercicio de supervivencia profesionalizado no que está en xogo principalmente o interese corporativo. No plano programático, o espazo de ruptura, que é republicano necesariamente, terá que determinar os seus marcos de referencia antiliberais, tanto no referente á unión europea coma na configuración das políticas do Estado español; tamén en relación co dereito a decidir e os suxeitos con capacidade para exercelo, e non só no relacionado coa cuestión das nacións sen estado. É dicir, a democracia absoluta como obxectivo e como exercicio de dereito dun suxeito social que é multitudinario, diverso e múltiple, unha clase que se recoñece na condición común das diferentes modalidades do traballo asalariado e na necesidade de conquistar autonomía en relación co capital. Si, tamén falamos diso. Aínda que iso, como horizonte, non impida o traballo concreto na mellora das condicións de vida das persoas e dos seus dereitos sociais e políticos.

Parece claro que entre o espazo municipalista e aquel que se articula no conxunto da nación e nas propias alianzas con axentes non galegos para procesos supranacionais debe haber unha continuidade sen fisuras. O municipalismo é imprescindible para articular un espazo de ruptura da mesma maneira que un espazo de ruptura o máis forte posible é o mellor escenario en que os proxectos municipalistas se poden desenvolver de maneira autónoma e, con iso, exitosa. O espazo de ruptura é un plasma multitudinario en proceso de organización no que a expresión municipalista encontra un medio extraordinariamente favorable para navegar. En realidade, as experiencias municipalistas de 2015 non xurdiron por xeración espontánea senón como froito, probablemente o máis vivo e rico de todos, dun complexo proceso que chanta raiceiras na propia configuración do espazo de ruptura e nos movementos sociais e políticos que a determinan.

Imprescindible sería, tamén, que no plano internacional puidese articularse unha nova Internacional, a Internacional 0 da que tanto temos falado con Xabier Cordal e que tan ben ten el expresado. Pero intuímos que non dependerá só da nosa vontade. Non será pequena, nese sentido, a contribución que tamén os procesos municipalistas seguirán achegando aos espazos de ruptura. Tamén as organizacións políticas deberan profundizar nesa teima.

Eses son, desde o meu punto de vista, e de maneira esquemática e incompleta, os retos inmediatos do que demos en entender como espazo de ruptura en Galicia. Ao pé deles, as miserias do proceso que culminou nun asalto parasitario e ilexítimo ao artefacto En Marea deben quedar definitivamente superadas. Aqueles que apostan por levantar un Partido Nacional que xogue á representación dentro das marxes do réxime e do sistema, están lexitimados para facelo. Idéntica lexitimidade ten quen acredita na necesidade de articular un espazo no que a diversidade de axentes, partidos, mareas, cidadáns e movementos participen de maneira libre e autoorganizada; esa é a posición que eu comparto, creo, coas compañeiras e compañeiros de Anova, EU e Podemos, das mareas municipais e outras candidaturas de confluencia e mais doutros grupos de persoas sen militancia ou ligados a movementos sociais. Resulta inaceptable que a dirección actual dunha En Marea convertida en partido clásico de réxime esixa aos axentes do espazo de ruptura que desaparezan e se deixen representar, renuncien ao seu proxecto se disolvan nun trebello partidario que de ningunha maneira poden xa recoñecer como propio.

Todo isto nada ten que ver nin coa relixión nin con verdades que se revelan co seu simple enunciado nin con prexuízos sobre os posibles movementos e comportamentos dunha cidadanía tan complexa como sometida a tensións e contradicións antagónicas e irresolubles. É unha elección política, unha expresión de subxectividade. Faise, ademais, desde unha perspectiva suxeita a modificación, porque a realidade constantemente nos obriga a modificar puntos de vista. Non no nuclear, sen dúbida, no estratéxico, pero si no relativo ás opcións que na acción social e política se abren ante nós. No combate na sociedade civil e nos diversos espazos políticos, é imprescindible partir do recoñecemento dos outros suxeitos, mesmo daqueles que se considere inimigos; tamén incluso dos que se ven como competidores nun determinado reparto de capital simbólico, de poder real ou do que sexa. Todo suxeito político ten lexitimidade para actuar, para propoñer e para opoñerse, para compartir e combater, paro non para esixirlle ao outro que non exista.

Se a acción política nos permite e nos esixe encontros tácticos, non só con este pequeno grupo que dirixe hoxe En Marea, senón con outras formas organizadas, como o BNG, por exemplo, será responsabilidade común facelo sempre que os obxectivos deses encontros sexan compartidos. Non habitar a mesma casa non impide compartir treitos do camiño, como moi ben dicía Martiño Noriega cando empezaba este proceso de construción do espazo de ruptura. Parafraseando as súas sabias palabras, deberiamos dicir hoxe tamén que a posibilidade de compartir algún treito do camiño non esixe de ningunha maneira renunciar ao proxecto de articulación dun espazo de ruptura nin, desde logo, someterse á súa redución conservadora.

As condicións que fixeron agromar unhas opcións políticas e electorais ligadas a un espazo social de ruptura seguen vixentes, máis vivas, diría eu, ca nunca. Non mellorou nada de todo aquilo que nos obrigou a camiñar ata aquí e coa determinación de proseguir, a romper en Galicia con vellas tradicións e cunha fosilización política que só beneficiaba a dereita, a mover marcos, a fundar opcións explicitamente republicanas, a situar as contradicións principais nos intensos conflitos entre as diversas formas de poder e as múltiplicidades subalternas que resisten, responden e conquistan autonomía e contrapoder porque proxectan ser novo poder constituínte. Segue vixente a necesidade de incorporar bagaxes e tradicións políticas e culturais diversas a un novo corpo político mestizo e inconforme, de expoñer a esixencia dunha ruptura das formas da representación, do dominio cultural e económico, da precarización absoluta das nosas condicións de vida. A Unidade Popular entendida como articulación política do espazo de ruptura segue sendo necesaria; nese sentido, o compromiso dos seus diferentes actores é a mellor noticia duns tempos que ameazan escuridade. É obvio que a proximidade de certas respostas neofascistas ou reaccionarias á persistencia da crise orgánica, de réxime e de sistema, obriga a pensar fórmulas de colaboración dentro dun bloque democrático o máis amplo posible. Pero é precisamente a articulación dun espazo de ruptura republicano a principal, cando non única, garantía. Sempre e cando advirta a necesidade de distanciarse da representación o suficiente como para evitar a escisión entre o instrumento político e o corpo social que encontra nel a forma de organizarse e de mandar. Se esa escisión representativa culmina, quedará definitivamente aberto o camiño a que as opcións máis reaccionarias chanten entre as clases subalternas as súas torres, os seus templos e as súas prisións. Se evitamos esa distancia entre o artefacto político e o seu corpo social, non pasarán.

Non se trata, como é lóxico, de que as opcións electorais progresistas resistan como poidan a ofensiva nacional-reaccionaria. Trátase de conquistar un novo tempo co que, máis alá do que nos ata e nos constrinxe, as clases hoxe subalternas construamos unha Galicia En Común.

Advertisements