Nada que celebrar


BANDEIRA

Pois mira, en parte é así. Non hai nada que celebrar, que as derrotas non se celebran. Se acaso, lémbranse, porque delas sempre é dado aprender.

Nada que celebrar navega as redes sociais cada 14 de abril. Estraña apropiación. A afirmación debe vir polo 12 de outubro, festa da hispanidade, da raza, e expresa o repudio da conquista e colonización dos pobos de América. Unha potente e descarnada lembranza do xenocidio. Trasladar esa afirmación en Galicia ao 14 de abril é, como pouco, unha monumental inxustiza histórica.

Nada que celebrar? Por que non? Acaso non celebramos o 1789 ou calquera deses intentos colectivos de pegarlle unha reviravolta ao andar monótono da historia? Por que non festexar o intento de substituír o antigo réxime por unha república democrática cando, dunha ou doutra maneira, implicou e segue implicando ás xentes de Galicia.

A inxustiza non a padece nin a idea de República nin sequera a data do 14 de abril, aínda que nun pinchacarneiro irónico, triste e incomprensible se produciu un estraño movemento de rexeitamento de ambas. A inxustiza máis pesada ataca os milleiros e milleiros de antifascistas, demócratas, socialistas, comunistas, anarquistas, republicanos, galeguistas asasinados e perseguidos. Perseguidos por defender a República, cuxa lexitimidade constituínte foi criminalmente substituída por unha lexitimidade fascista, violenta, atroz que aínda hoxe non foi revogada.

Nada que celebrar, logo? Pois se cadra non, se do que se trata é de non festexar unha derrota. Porque daquela experiencia histórica aínda hoxe seguimos con derrota. Claro que, postos a afirmacións simbólicas, ben podía ser elixida outra data para repudio e desprezo. Eu que sei, o 1 de abril, por exemplo, ou o 18 de xullo. Pero nada…

Hai na reacción aparentemente simbólica de certo nacionalismo contra o 14 de abril unha caste de tacticismo por contraste. Pero non é unha contradición real; é, máis ben, o resultado dunha imaxe deformada nun espello cóncavo. Dariamos identificado a historia do propio nacionalismo galego sen aquela República? Dariamos comprendido as figuras de Castelao, Bóveda, Casal, Alonso Ríos e máis? Absolutamente, non. Conviría que non se violentase a súa memoria.

Nese certo nacionalismo que descubriu hai nada que aquela República non se celebra hai máis de tradición idealista, antimaterialista, que de asunción dos procesos históricos e da base material sobre a que se sosteñen as sociedades ao longo dos tempos. E hai unha boa teima en aborrecer a historia e en aspirar a suspendela en orixe. A historia como lexitimación previa, apenas un relato que se constrúe e se reconstrúe á vontade porque non deixa pegadas nin efectos.

Pois non facía falta celebrar. Aínda que celebrar o propio non esixe repudiar aquilo que está instalado no noso proceso histórico e axuda a configurar realidades, culturas e posicións políticas que hoxe nos caracterizan. Non fai falta celebrar. Abonda coa lembranza. A de todas as persoas que sufriron en carne propia e próxima as atrocidades da derrota. A memoria, e por tanto a certeza de que a restitución histórica é a única xustiza que podería reparar parte de tanto dano feito. Só parte. A revogación definitiva daquela suspensión fascista da historia.

A República Galega, a miña, non se entenderá sen asumir e incorporar o legado daquel período. Non só o político, ligado ao galeguismo e tamén aos movementos de emancipación social, senón tamén o da experiencia na articulación dun suxeito colectivo perseguido con saña e unha brutal ansia de aniquilación.

Igual non cómpre celebrar nada, pois o sufrimento e a derrota non se celebran, pero máis nos vale xenerosidade na memoria e na capacidade creativa se queremos gañar en sentido comunal e non abxurar da historia que nos configura e sobre a que teimamos en intervir.

Memoria a esgalla. E tamén xustiza. Así que, igual paga a pena asumir a determinación de nunca máis equiparar simbolicamente o xenocidio dos pobos de América coa proclamación da II República.

E que viva a República!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s