Literatura, mercado e outras obsesións


Arredor dunha pequena polémica con gran decorado de fondo xorde algunha reflexión sobre o feito literario.

47O autor non ten por que pensar en todo aquilo que condiciona o seu traballo. E entendamos o seu traballo como a totalidade do proceso literario, desde a idea que orixina un texto ata esa especie de onda de probabilidade cuántica que é o complexo proceso de recepción. O autor non ten por que pensar en todo iso, pero pensa. Porque cada páxina escrita está sometida a unha especie de principio de incerteza que fai que sexa inabarcable a vida do texto literario.

Non hai literatura en estado de pureza. Ata aí comprendemos a dificultade. E, por que non, aí tamén radica unha inmensa parte do encanto adictivo da creación literaria, ben na banda do autor, ben na do lector. O texto non está espido, son moitos os elementos que inciden nel, miles as partículas, loucas unhas, ben controladas e dirixidas outras, que baten contra o texto e tenden a retorcelo, a dobralo ao máximo ata poñer a proba a súa flexibilidade. Se o texto resiste, ten vida. O texto literario pode curvar moito máis ca a dimensión espazo-temporal. Se esgaza cando se trata de probar os seus límites, mal asunto.

O autor non tería por que pensar na vida do seu texto máis aló da idea e da produción. Pero pensa, porque sabe que todo depende de múltiples factores que escapan ao seu control mentres se someten a outro tipo de controis extraliterarios. A sensación de vertixe pode instalarse, daquela, e condicionar a produción dos seguintes textos. Nace o círculo vicioso do que moi poucos escritores e escritoras dan fuxido de todo. Pero quen sabe se non é esa ollada directa ao abismo o que buscamos cando escribimos.

Alén de toda esa marxe de descontrol que se lle supón á obra literaria medra un espazo viscoso, lamacento, de aparente liquidez, que acaba tendo un comportamento moito máis previsible do que podería esperarse ou do que sería desexable. Uns chámanlle imperio dos lectores. En realidade é a intervención do mercado, que busca captar as forzas subversivas da arte en xeral e da literatura en particular e integralas aos procesos de produción, reprodución e consumo.

A subsunción real do traballo ao capital, como diría o vello Marx, a quen tamén se pode aludir cando se fala de literatura. As relacións de produción capitalista esténdense moito máis alá do espazo delimitado pola formalización contractual da venda da forza de traballo por un salario. Integrar toda actividade humana, tamén a do exercicio da imaxinación, ben coma produtores de textos literarios ben coma receptores -ao cabo, produción e recepción son dúas fases xa case indistinguibles do mesmo proceso-, é unha aspiración fundacional do capitalismo, que nunca admite un exterior recoñecible. Cando se produce esa integración radical, o feito literario perde autonomía. Perde, por tanto, tamén parte do seu propio ser.

Non se trata dunha socialización da literatura; é, simplemente, unha desnaturalización. Cando o valor do texto se despraza a valor de cambio, ordenado polo mercado en calquera das súas formas, o feito literario dilúese. A fronteira entre un texto literario e o discurso dun reality show é entón máis difícil de distinguir. Talvez tamén exista a alienación literaria. Talvez. Pero non cometamos o erro de levar as súas razóns ao terreo dos asuntos, os argumentos, os temas que literariamente cómpre ou non tratar. Falamos dos procesos de creación literaria e da forma en que cada texto se organiza para establecer unha comunicación específica. Non daquilo do que ten que falar cada texto.

A literatura galega non é tan diferente das outras literaturas nin é allea ao tempo en que vive. Tamén sofre esa caste de desnaturalización. Non falo da literatura texto a texto; seguimos producindo, e lendo, por tanto, excelentes poemas, novelas, teatro, relatos… Continúo a falar do feito literario como proceso. Ás veces parece que o campo literario galego busca nesa submisión ao mercado o signo da normalidade que non sei se lle é tan preciso encontrar. E a submisión implica unha caste de subalternidade que se manifesta principalmente na mímese, na reprodución de modelos, na ausencia dun diálogo de contraste, de converxencia e de enfrontamento, entre os textos do propio campo literario.

Literatura para lectoras e lectores, madia leva. Que literatura podería existir sen recepción? Podemos falar dun texto literario se non se actualiza na interpretación de cada lector? Dificilmente. Ou, directamente, non. Pero non sería mala cousa repensar criticamente diferentes posibilidades de público lector. Ou, simplemente, que é o que entendemos por lector.

Non deberiamos caer na tentación de derivar a responsabilidade do texto aos gustos de lectores e lectoras considerados, igual que se fai cos espectadores televisivos, como unha masa prefixada de audiencia de intereses e gustos uniformes e inmutables exentos de todo condicionamento. Porque os gustos e intereses dos receptores, non estou descubrindo nada novo, tamén se controlan e se condicionan. Desde a escola aos premios literarios, pasando pola uniformización mediática. Dicíao Méndez Ferrín, dalgunha maneira, cun exemplo moi elocuente hai días na presentación do número 100 da revista A Trabe de Ouro: non podemos pretender que entre A cabana do Tío Tom e Absalón, Absalón! non hai unha grande distancia literaria. Porque a anulación desa distancia implica a anulación do feito literario.

Para o autor, nada hai máis doloroso ca a invisibilidade do texto. Ningún autor, ningunha autora, troca a visibilidade da súa figura -moitas veces convertida nunha pintoresca mercadoría- pola do texto. A literatura galega, como sistema periférico que teima en actuar á marxe da tutela do poderoso campo -e mercado- literario español, convive cunha parte consubstancial de invisibilidade. Nese sentido, a escolla da escrita e da lectura en galego son, en tales condicións, decisións heroicamente contrahexemónicas. Pero hai tamén unha parte de invisibilidade interna que depende da xestión que no interior do campo literario se fai das propias potencias e das necesarias concorrencias na loita por un espazo preferente. A cuestión reside no carácter desas concorrencias. Se son literarias ou se veñen atravesadas por outros intereses.

Nos campos literarios relativamente autónomos, os textos concorren para conquistar espazos de hexemonía estética. Nesa concorrencia interna, son centrais o valor do texto e a súa actualización nos procesos de recepción. Cando non é así, algo está ocorrendo, e non é bo. Cando a figura do autor ou o seu perfil de Facebook ou de Twitter se superpoñen ao texto e o ensombrecen, algo sucede. Se a concorrencia se somete aos intereses inmediatos das editoriais, se son estas as que condicionan o canon, a febleza do feito literario aumenta e encirra unha especie de desafección crecente do lector medio.

Supoño que as literaturas pequenas de nacións coma a nosa, tamén pequena e sen grandes aparellos institucionais de cultura, viven sometidas a contradicións moi complexas entre a necesidade de manter vivo o feito literario cun alto grao de autonomía e a urxencia de sentirse con capacidade de participar dos froitos do mercado. Pois excitemos ao máximo esa contradición, porque someterse ao mercado é pan para hoxe e fame para mañá.

Non sei ata que punto un artefacto coma o noso campo literario pode sobrevivir se se permite o luxo de anular a concorrencia interna dos textos literarios e someter a literatura a intereses e dinámicas mercantís.

Non sei tampouco se construír un almacén para acochar textos e facelos invisibles lle servirá á literatura galega para algo que non sexa unha oda terminal á subalternidade.

En calquera caso, convido a que tomemos estas simples reflexións, e moitas outras posibles, como elementos para un debate colectivo que segue sendo importante manter. Falamos, ao cabo, dun corpo vivo, o literario, que nos está a apelar constantemente. Non podemos ollar a outro lado sen escoitar a súa voz.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s