A Trabe de Ouro contra a fin da Historia


A Trabe de Ouro chegou canda a fin da historia a dicir que a historia non estaba terminada. E leva nesas vinte e cinco anos, que se cumpriron xusto cando saíu o número 100.  A-Trabe-de-Ouro-100

Durante todo este cuarto de século, a Trabe intentou responder a toda a complexidade do tempo e das formas sociais, culturais e políticas de Galicia e do mundo. Esa é a súa maior contribución, que se desenvolve arredor de dous eixos complementarios. Un, a vontade política de actuar e pensar en Galicia e para Galicia, coa unidade da esquerda como principio estratéxico. O outro, un exercicio irrevogable de internacionalismo, tanto pola preocupación por todos aqueles asuntos que aos de abaixo de calquera lugar lles toquen como pola incorporación de achegas non galegas aos contidos da revista. Albiscar estes dous eixos, evidentes só con repasar os sumarios deses cen números, lévanos a contactar coa revista Nós, tal como lembrou Xosé Manuel Beiras na presentación do número 100 en Compostela.

O mundo mudou nestes últimos 25 anos, como ben nos lembra Méndez Ferrín, o director. Non se aboliu a explotación, é certo, e nese sentido talvez o cambio non sexa tan radical, pero si que se abriu unha fiestra de posibilidades que cando arrincou A Trabe de Ouro non se albiscaba. En Galicia, en Europa, en América Latina… A cara escura do fascismo, coas súas diferentes xestualidades, amosa sen parar o bigote, faino sempre, mais a conciencia das necesidades e das posibilidades é hoxe moi diferente ao que era hai 25 anos.

En Galicia vivimos un proceso de recomposición política imposible de desligar do que está a ocorrer en moitas outras partes do mundo nin da crise estrutural do capitalismo, esta especie de caos sistémico radicalizado. A hexemonía do réxime de representación foise esfiañando no seu propio simulacro dunha democracia sen democracia. Quedou sen lexitimidade. A reorganización radical do capitalismo mediante un ataque terminal contra o traballo, tras a súa fragmentación e unha moi feble organización, é tan salvaxe que ao cabo consegue, sen o querer, espertar conciencia produto da visión crúa das miserias sobre as que se alicerza. O empobrecemento, a agresión, o ataque ás clases populares esixe unha comprensión do real máis aló de lugares comúns formulados como verdades que se xustifican no seu propio enunciado. E esperta a necesidade de recompoñer forzas no campo popular para impugnar o existente e formular novas alternativas. Xorden nese contexto procesos de acumulación de forzas e de unidade popular que ameazan a estabilidade do statu quo.

O réxime español da Restauración, de natureza profundamente corrupta e ilexítima, non dá resistido a vaga de rexeitamento da representación política e do negocio capitalista. Todo se abanea ante as mareas de forzas diversas, en parte aínda desorganizadas, en proceso de recoñecemento mutuo e de construción dun novo suxeito.

En Galicia, empeza a nacer un espazo de ruptura co chamamento a unha Fronte Ampla que pivote sobre a esquerda de ruptura feito por Xosé Manuel Beiras o 25 de Xullo de 2012, apenas uns meses antes das eleccións autonómicas e poucos días despois da Asemblea Constutuínte de Anova, unha forza que se concibe ela mesma como o inicio dun proceso de acumulación. Beiras apela a todas as forzas nacionalistas e de esquerda que, sen necesidade de ser nacionalistas, asuman que o pobo galego é un suxeito político e que como tal pode exercer o seu dereito a autodeterminarse.

Entre aquel momento fundacional e hoxe, dous anos e medio despois, pasaron moitas cousas. Da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ás candidaturas de Unidade Popular, con diversas fórmulas, hai un camiño que segue a percorrerse, e ese camiño chámase espazo de ruptura. Ou, por sermos máis precisos, construción dun suxeito político de ruptura, cuxa dirección corresponde á multitude en proceso de organización, independentemente da militancia política de cada individuo. As organizacións de ruptura, na creación dese espazo que poderiamos identificar cunha idea de partido orgánico, son simples instrumentos da multitude para a transformación, para a rebelión cívica e a creba democrática. Un novo proceso constituínte é necesariamente o horizonte desa nova cidadanía republicana constituínte. E nesas estamos.

E durante todo este proceso histórico, A Trabe de Ouro foi contribuíndo a elaborar ese complexo discurso alternativo ao que acode o proceso de acumulación de forzas, impugnación do sistema e do réxime, unidade popular, creba democrática e novo poder constituínte. Co número 100, que corresponde ao último trimestre de 2014, péchase un ciclo e ábrese outro probablemente máis atestado de ilusións e posibilidades. A Trabe de Ouro ten que acompañar o salto cualitativo que o proceso de ruptura dará despois das eleccións municipais, independentemente dos resultados concretos de cada candidatura. E acompañarao pensando, como nestes 25 anos, a realidade desde Galicia e desde a esquerda. Acompañando as clases populares, que é o lugar e o espazo que nos corresponde e que eliximos. Ou sexa, expresando a elaboración da intelixencia colectiva, do cerebro colectivo que guiará os procesos de transformación.

Vamos por outros cen números máis para A Trabe de Ouro.

Advertisements

Unha resposta a “A Trabe de Ouro contra a fin da Historia

  1. Reblogged this on raiola66.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s