Maldita Literatura


1319558698_0Maldita literatura. Porque é coma un territorio de suplicios, de frustracións, de covardías e silencios, de competencia e incompetencia, de control, de conservadurismo e contención, de normas, fronteiras e exteriores xélidos, de agochos e propaganda, un espazo miserable. 

Pois non.

Non é nada diso, aínda que tamén é moito diso.

A literatura, unha actividade multipolar e marabillosamente inútil, ineficaz, insensata, incombustible, é máis ca ese espazo furioso que ás veces adopta de golpe unha aparencia miserable. É liberdade, pero tamén é coerción; é revolución, pero pode ser reacción; é silencio e conversa, e é barullo e berro, estridencia e melodía; é desinterese, pero non poucas veces é interese. Ou sexa, é a contradición levada ao límite. En todas as direccións. Tese e antítese en si, e nada de síntese. A arela constante polo salto cualitativo. A dialéctica con avíos de gozo ou alegría ou comedia ou drama ou traxedia. Ou, simplemente, a farsa.

Maldita literatura.

É tan inmensa que non a damos capturado. Non a abarcamos. Talvez nin sequera sexamos capaces de advertila, de vela pasar, de notar que está. E ese é se cadra un dos seus encantos. Irrepetible. Abandonemos toda esperanza de capturala. De captala. Viches? Igual coma o inferno de Dante. Inabarcable e imposible de abandonar.

Nesa fase da adolescencia cultural que algúns identificamos coa comprensión do fenómeno literario como abstracción que desborda o acto simple da lectura, é norma que nos ameace esa preocupación tan humana como innecesaria: onde estará a liña exacta que divide a boa da mala literatura. Haberá un marco físico ou será cousa dunha simple proxección, coma o arco da vella. É tan inmensa a cantidade de libros publicados que igual viña ben un coñecemento matemático arredor do que paga a pena ler e do que é imprescindible non ler. Por sorte, ese coñecemento non existe nin existirá. Ninguén o posúe nin poderá posuílo. É máis fuxidío ca un neutrino. Non hai quen o pille. Así que, toca vivir na intemperie.

Porque non hai liñas exactas na literatura. Hai un terreo base, un limiar imprescindible para todo texto que aspire a ser literario, iso si. Destreza técnica. E aí non vale engano nin técnicas de mercado nin marcas nin premios. Dominar a lingua, entender e distinguir as voces do texto, manexar con habilidade e coherencia o espazo e o tempo, respectar os personaxes e confiar na intelixencia de cada lector. Se eses mínimos non se cumpren, se o lector se sente defraudado con algún deles, se descobre as trampas, os trucos, os enganos, se detecta a desconsideración, o desprezo á súa intelixencia, queda anulada a posibilidade do acto literario. Superado ese nivel limiar, todo é posible.

E o lector, logo?

O maldito lector. O lector é literatura. Tan inabarcable, por tanto, coma a idea mesma de literatura. Non podemos coñecelo, a non ser que introduzamos no xogo a impostura e imitemos o acto de expropiación que se produce no territorio autónomo da representación política, que é a negación da política en si. Se é así, negamos tamén a literatura, ese é o debate. Porque é imposible reducir a infinita diversidade de lectoras e lectores potenciais e reais a unha única figura modelada conforme á necesidade dun mercado que se instala miserable como mediador e converte o texto en fetiche. Ou sexa, mercadoría. Pero iso xa está dito. Fóra do lector ideal, que todo autor ten na súa cabeza, e non sempre coincide en toda a súa vida creativa, non existe o lector, a lectora. Existe unha multitude tan irrepresentable, tan indescritible, tan incontrolable e irredutible que se nega a ser interpretada cunha única voz como un único corpo. Ou é que alguén pode saber os gustos, as afeccións, as necesidades, os medos, os desexos de cada un dos individuos desa multitude?

Non convertamos a multitude lectora en lector soberano, porque esa é a forma de rebentala e de facer estoupar canda ela a maldita literatura. Porque o Lector Soberano anula a Literatura na mesma medida en que a Literatura esixe unha Multitude Lectora.

A subsunción real e formal do literario ao capital. Todo reducido ao negocio, e por tanto a salario e a plusvalía. Nese xogo, a maldita literatura, o maldito lector e o maldito escritor son mercadoría.

Rexina Vega, autora, lectora e literatura, acena nunha entrevista en Biosbardia para a necesidade de preservar a vertixe no noso campo literario. Porque sen vertixe non hai literatura, hai comercio, pero iso é outra cousa. Ao acenar co dedo, tamén sinala o buraco negro, e na traxectoria todo parece abanearse. Entón as miradas, ou certas miradas, tenden a quedar prendidas do dedo, como é norma no lugar común do dedo que sinala a lúa. A entrevista da autora de Dark Butterfly non é unha anécdota chistosa sobre o xénero da literatura infantil e xuvenil. É outra cousa. Propón outras vertixes. Vertixes contra a forza de gravidade das institucións literarias e culturais; vertixe contra a solidez tranquilizadora de certas ideas de lingua; vertixe contra a seguridade mortal de todo terreo firme; vertixe contra o canon e contra as formas de canonización; vertixes múltiples, unhas explícitas e outras non tanto. Vertixes. A idea de vertixe en si. Todas, vertixes discutibles, claro. Porque diso se trata, de discutir o sagrado.

Pero tan profunda e abismal é a vertixe que pode producir refracción, coma o raio de luz que cae na auga. Entón, ao cambiar a densidade do corpo que esa luz atravesa, a maldita literatura corre o risco de pasar ao estado de caricatura. E a caricatura, que é unha arte moi nobre, como todas as demais artes e actividades do ser humano, despraza indefinidamente toda posibilidade de debate, de discusión, anula a dialéctica, inmobilízao todo. É unha foto fixa deformada.

A reflexión convértese en refracción.

O Vixía no Centeo, unha estupenda novela de J.D. Salinger que nunca foi depositada no andel da Literatura Infantil e Xuvenil, aludía no seu título a un xogo de nenos. A Maldita Literatura é un xogo incansable de proposicións e retos no que uns e outros nos vixiamos e nos protexemos: malditos todos, lectores, autores, críticos, editores… O campo literario adopta a miúdo, porén, a forma daquel xogo da nosa infancia no que pelexabamos por ocupar o posto principal, único, nun lugar máis elevado desde o que se controlaba, aparentemente, os movementos dos outros xogadores. E non para protexelos, senón para diferencialos, para ocultalos. Polo afán das alturas.

Ao cabo, todo é xogo.

Todo unha Maldita Ilusión.

E toma ti, lector, lectora, quen sexas, o control sobre o significado da expresión.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s