Mare Magnum


Arrincou a campaña das Eleccións Municipais. Unha obviedade. O espectáculo é demasiado estridente para ser ignorado. Na campaña electoral de 1979, debeu ser, cando eu estudaba bacharelato, xa o asalto do estrondo era asombroso para adolescentes que non viviramos nunca semellante invasión. Estabamos nas aulas do vello Instituto Masculino de Lugo, o actual IES Lucus Augusti, cando irrompía na nosa normalidade académica o son das caravanas partidistas coa súa megafonía electoral. Un dos nosos profesores tiña por costume deter a súa explicación e pedirnos un minuto de silencio en sinal de pesar polo simulacro. E todos gardabamos disciplinadamente aquel instante de silencio por cada megáfono que nos asaltaba. Era unha forma de comprendermos, dalgunha maneira, a diferenza entre a política e o simulacro. Aquilo era simulacro. Non sei se aquel querido profesor buscaba excitar en nós esa dedución, intúo que si. En todo caso, pasado o tempo eu comprendín esa diferenza e desa maneira entendín moito mellor aquel acto irreverente. Se hoxe eu estivera no seu lugar non dubidaría en facer o mesmo.MARTIÑO

E así, durante anos e anos, cada campaña electoral foise convertendo nun asalto ruidoso á razón. Á propia comunicación. Porque nos procesos electorais sempre vén habendo de todo menos comunicación. Así é a norma dun sistema e dun réxime que sosteñen a súa hexemonía nunha anulación da capacidade de razoamento, de confrontación de ideas, de pensamento libre e crítico, de dúbida, de elaboración de discursos autónomos, de construción comunitaria a partir dun exercicio real da política, sen límites, sen profesionalización, sen que nada do común quede fóra da capacidade de decisión colectiva. A normalidade do réxime é esa, a engrenaxe material do sistema precisa desa especie de consenso das tumbas, de aceptación silenciosa da Gran Verdade: nada do que existe ou aparenta existir é susceptible de mudanza se o cambio afecta aos piares do mundo. Principalmente, a todo o ligado ás relacións de produción, á base material das nosas vidas e ao que máis ou menos coñecemos por economía. Ás nosas condicións de existencia, en suma. Iso é intocable. Non é que o xogo da política deviñera nun espectáculo por unha especie de corrupción dos nobres valores e das valiosas ideas da democracia representativa, non, é que o monstro para subsistir precisa unha representación que simule participación política e a permita dentro dos límites do que para el é razoable. As razóns da besta. Ou sexa, o negocio.

Seica o 15 M detectou a fractura e desde a súa irrupción xa nada é nin volverá ser como era. E non falta razón niso. Pero aquí en Galicia non deberamos esquecer dous momentos previos de irrupción política que xa coa súa práctica adiantaron a fractura entre a representación política e a democracia. Foron, en boa medida, momentos constituíntes baixo as formas das loitas contra a LOU e de Nunca Máis. Outra cousa foi como se instrumentalizou este último movemento, que chegara mesmo a asumir socialmente certas funcións dun Estado ausente. Ou como e por que foi anulada toda a súa potencia constituínte precisamente para redirixila ao ámbito da representación. Pero esa é outra historia da que xa temos falado noutras ocasións.

O caso é que, efectivamente, despois veu o 15 M, máis síntoma e diagnose que outra cousa. Houbo quen acusou o movemento de ser antipolítico, cando en realidade foi unha radical reivindicación da política, só que non como ámbito autónomo, senón como espazo de decisión colectiva sobre todas as cousas do común. Todas. Tanto desprezo ao que significouo o 15 M -unha impugnación do réxime de representación e do negocio capitalista- é consideralo expresión desordenada da antipolítica como acudir á súa lexitimidade para reforzar unha autonomía do político que o propio movemento anulou coa súa simple existencia. Pero ese tamén será outro debate.

Se a fractura entre representación e democracia que o 15 M desvela se fai tan evidente, o consenso respecto ás bases do réxime e do sistema queda igual de fracturado. Hai, pois, unha inevitable crise de lexitimidade, e ten moito que ver coa crise orgánica do capital que adopta a forma violentísima dun ataque bestial contra o traballo e contra as clases populares. Da mesma maneira, as loitas contra a LOU expresaran unha impugnación dun futuro sen futuro por parte do estudantado galego e a autoorganización popular de Nunca Máis alertara do carácter criminal do negocio capitalista e da traxedia da dependencia de Galicia. A crise de lexitimidade do réxime e do sistema fai posible que o imaxinario popular idee a necesidade de procesos políticos novos.

Niso, estas eleccións municipais son diferentes. Mesmo formalmente. Por un lado, a estabilidade máis ou menos consistente do mercado electoral: marcas sólidas que, euro arriba, euro abaixo, seguen no andel e compiten pola atención do consumidor. Do outro lado, unha marea de formas heterodoxas e heteroxéneas, difusas e desiguais, que acceden ao combate electoral, só unha dimensión da política, non para vender marca nin para manter un espazo de influencia na xestión da cousa pública, senón para profundar na fractura, para abrila, para impedir que cicatrice e así levantar un novo escenario. Unha ollada ao mapa electoral de Galicia permítenos observar esta especie de nova xeografía bipolar con moita claridade. Case concello a concello.

Un Mare Mágnum. Así pretenden os medios de produción simbólica do réxime caracterizar pexorativamente o suxeito cun esforzo case histérico. Non comprenden que precisamente ese carácter de mare mágnum é o que lle dá ao proceso maior firmeza. Algúns, talvez por inxenuidade, non deixamos de ver unha multitude teimando en constituírse en pobo soberano.images

En calquera caso, haberá que facer análise do proceso ao outro día das eleccións. Non en termos numéricos, non en termos só de resultados electorais, senón de construción de unidade popular. Ollar o horizonte de expectativas e avaliar como e en que medidas se satisfai e se defrauda. Mais non cubrir plenamente o horizonte de expectativas non pode entenderse como derrota. Ao contrario. Será a conciencia de que o proceso está en marcha e ten un ritmo diferente ao que impoñen as consultas electorais, que ao cabo non son escenario en que se dirime a hexemonía senón manifestación da hexemonía do sistema. Esa construción heteroxénea e difusa de candidaturas informais, ou non formais segundo as normas, é unha impugnación da vixente fórmula electoral. Por tanto, tamén da mesma lexitimidade do réxime en si. Como ocorre con todo proceso que está en marcha, a multitude de diferentes suxeitos que participan nel terá que obrigarse a proseguir, a incorporar bagaxes particulares na articulación dun suxeito popular novo para ese espazo de ruptura que agora xa se está configurando. A practicar lealmente a mestizaxe, como desde hai tempo vén dicindo Martiño Noriega.

Mareas, Candidaturas Abertas, Son, coalicións instrumentais, etc… Esa diversidade é o mellor indicio de que non hai outra opción que non sexa a da unidade de suxeitos, organizacións, individuos. A multitude, en suma. Non é casual que esas candidaturas do común sexan o principal inimigo das forzas que dunha ou doutra maneira apostan á continuidade do réxime todo o seu benestar particular. Forzas políticas, mediáticas, empresariais…

Unha vez máis, como ocorreu con AGE, que foi o xermolo deste proceso, as candidaturas plurais, diversas, populares, o Mare Mágnum, quedan fóra da atención mediática por pacto implícito ou explícito. Tanto ten. Nesta era, a comunicación ten outras condicións e características, e non me refiro só aos soportes. A unidireccionalidade clásica, un emisor activo fronte a unha multitude de receptores pasivos, está condenada a morrer. E son precisamente estas candidaturas populares as que ensaian novas fórmulas de comunicación e de participación nas que as funcións de emisores e de receptores se compartan e se confundan activamente. Véxase o modelo de campaña de Compostela Aberta, por exemplo, ou das diferentes Mareas. É un ataque real a esa unidireccionalidade imposta por un sistema que precisa xerarquizar todo proceso que poida producir unha mercadoría. Os modelos de comunicación e de campaña destas municipais tamén nos dan pistas sobre as fórmulas de acción política, de institucionalización e de participación que cada forza propón.

O Mare Mágnum non vai respectar os diques. A Cidadanía Republicana Constituínte segue construíndose. Vémonos o 25 de maio para empezar a nova fase do proceso de Unidade Popular. Ou sexa, Creba Democrática e Novo Poder Constituínte.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s