Non todos franquistas, non


Nunha entrevista publicada o mesmo Día das Letras Galegas, ese Día da Impostura Mediática, o Presidente da RAG ofrecíalle a un coñecido xornal dalgún lugar próximo á Coruña un titular explosivo: No franquismo todos fomos franquistas, eu tamén.

A confesión é sorprendente. Para min, polo menos, que sempre tivera eu a idea de que Xesús Alonso Montero fora en realidade un senlleiro militante e mestre antifranquista. Tan sorprendente como falsa, amigo Alonso.

Así que, non, home, non, non te abaixes para xustificar innecesardia-das-letras-galegasiamente unha decisión que, coma calquera outra decisión da Academia, pode e debe ser obxecto de discusión e debate público. Non todos fostes franquistas. Houbo quen sufriu cárcere, persecución e asasinato. Houbo mesmo quen calou e viviu en silencio e baixo pánico. Houbo moitas modalidades de vida escura durante o franquismo, sen dúbida, e non se trata de xulgalas. Pero é falso que todos forades franquistas. Houbo moitos que non o foron. Que nunca o foron. Que nunca foron franquistas. Que foron antifranquistas ata o derradeiro alento.

A RAG ten toda a lexitimidade do mundo para festexar a Filgueira Valverde, un personaxe de tanto interese intelectual como de insubornable lealdade a un réxime fascista e ilexítimo constituído a partir dun golpe de Estado sanguinario e alicerzado sobre múltiples formas de represión e persecución. Dalgunha delas -non das sanguinarias, iso é así- participou o propio Filgueira, como ben saberán todos os estudosos da súa figura. Pero da mesma maneira que á RAG cómpre recoñecerlle lexitimidade para festexar a Filgueira, a propia RAG ten que recoñecerlles aos diferentes sectores e grupos sociais, culturais e políticos lexitimidade, cando menos democrática, para criticaren as decisións do organismo e mesmo os seus modos de festexar figuras máis ou menos controvertidas. E a súa forma de non festexar figuras probablemente incómodas pero incontrovertibles, coma a de Roberto Vidal Bolaño, á que trataron dunha maneira indecente, por certo, e ten pendente aínda algunha acción de desagravio.

Porque o peor favor que a RAG lle pode facer á cultura desta vella nación, e mesmo á propia obra de Filgueira, é esa obsesión por mudarlles a pel e a cor aos feitos, por ocultalos, por negalos, por reescribilos. Así que, non, nada diso. Non todos foron franquistas durante o franquismo. Poida que o fora Alonso Montero, o cal non deixa de sorprenderme, insisto, pero calquera de nós sabe que unha afirmación coma esa é absurda en si mesma, ridícula e, ademais, falsa. Profundamente falsa e inxusta con tantas e tantos que desde o día mesmo do golpe de Estado fascista ao que se adheriu Filgueira Valverde -e dáme igual se o fixo por catolicismo, por conservadurismo, por interese de clase ou por patriotismo- ata algún tempo despois da propia morte do ditador foron perseguidas sen tregua, día e noite, coma se fosen bestas bravas que cumpría aniquilar.

E nunca deixaron de resistir. E nunca foron franquistas. E nunca deixaron de resistir.

Un respecto, pois, pola súa memoria.

E despois, festexe quen queira e como queira a Filgueira Valverde.

Advertisements

2 respostas a “Non todos franquistas, non

  1. Marta diaz painceira

    De acordo de principio a fin. Non se pode decir a verdade de maneira mais contundente nin de forma mais elegante.

    Liked by 1 person

  2. Moitas grazas, Marta. Un pracer.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s