Unidade Popular en Compostela. Galicia. Martiño Noriega


MARTIÑOA vitoria de Martiño Noriega e Compostela Aberta será a restitución da continuidade histórica coa figura de Ánxel Casal, coa lexitimidade republicana e democrática asaltada por un golpe de estado fascista e catro décadas de ditadura máis unha restauración que pactaron as elites á marxe do Pobo, contra o Pobo.

Compostela é o Común. O Pobo organízase arredor de Compostela Aberta. O momento histórico ábrese coma unha fiestra á luz do romper do día. Esixe acción, tomar coas propias mans as cousas que afectan ao Común. Audacia. Non agardaremos. Conquistamos o presente. Sen demora. O cando empeza agora mesmo. É o triunfo da beleza. A vitoria da República de Nós. Liberdade, Igualdade, Fraternidade. O Pazo do Pobo de Compostela erguerá esa bandeira. O pobo guía á Liberdade, tráea a nós.

Martiño Noriega é Pobo. Nación e República. Democracia. É Libredón, a estrela que brilla na palma da man de Nmógadah. A potencia da herexía, con Prisciliano e todos os perseguidos e todas as agredidas e todas as explotadas e todos os prohibidos e Don García de Galiza e todos os borrados da Historia.

Martiño Noriega é a estirpe de Roberto Nóvoa Santos. É a clausura das Actas Escuras, a Compostela que ama a Roberto Vidal Bolaño. A Compostela que Roberto tanto amou. A Compostela de Ferrín e Beiras, a de Novoneyra do Caurel a Compostela por terras libradas. A do maxisterio de Otero Pedrayo. A inmensidade de Rosalía. Érguete miña amiga, que xa cantan os galos do día.

Tamén a Compostela da dignidade tráxica na derrota, Maruxa e Coralia. Os cafés de Valle-Inclán. Castelao sempre. As Voces Ceibes da revolta, Grândola Vila Morena en Compostela, e a Compostela revolucionaria que anticipou o maio parisiense de 1968. A Compostela xerminal no berro constituínte de Nunca Máis, a que impugnou a LOU e con ela o futuro que hoxe é presente e seguimos impugnando. A do 15 M na praza pública, a das folgas xerais, a de todas as rebelións cívicas.

Martiño Noriega é un grande alcalde. É Nós, unha acumulación de enerxías liberadas, a persistente vontade colectiva de abrir as portas do Pazo do Pobo. A mestizaxe dialéctica. A supresión dos marcos que nos dividen e nos fragmentan e nos separan, a seara vizosa tras a concentración parcelaria das enerxías e os territorios. É Compostela Aberta á nación. A Capital da Galicia que creba co réxime e se constitúe en Pobo Soberano, suxeito activo da historia, as clases populares donas do seu. É a outra Galicia posible.

Martiño Noriega é un nosoutros a ocupar o propio lugar no mundo, un equipo diverso que se ofrece e acompaña e non camiña en solitario. É o pobo de Compostela, a Compostela rural e urbana, a traballadora e culta, a histórica e moderna, a libre e fermosa Compostela, a Compostela da razón e da luz, a que aborrece o escurantismo e o imperio da transcendencia, a que subverte unha orde inxusta e corrupta, a do interese da multitude enfrontado ao lucro particular e ao interese corrupto da elite, a da política como responsabilidade cidadá contra a representación e o simulacro, a da cultura popular e a ilustración fronte á alienación e a expropiación de todas as nosas potencias creativas. A Compostela Aberta da lingua galega contra o ventre do silencio. É a pulsión construtora dun presente que nos pertence. Un tempo de creba democrática e rebelión. Un tempo de ruptura. Un tempo novo.

Compostela Aberta é a construción de todos os espazos comúns.

Martiño Noriega é o noso primeiro espazo común.

Contra os miserables.

Por Galicia. Por Nós, Pobo.

Venceremos!

Con Martiño.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s