Remexendo no sentido común


Os resultados electorais do pasado domingo ofrecen moitas lecturas e, en tempo inmediato, bastantes conclusións, ao meu ver. Pero a min chámame a atención unha delas, talvez non a máis estridente.

grazasParece claro que se configura un suxeito social para transformar o estado das cousas, ou para mudalas, non nos poñamos grandilocuentes. E ese suxeito opta por non comprar marcas. Por observar desde fóra o supermercado electoral, esa grande área comercial que inviste máis en gastos publicitarios nos medios de comunicación tradicionais que no benestar dos seus empregados. O suxeito nin sequera repara de todo no produto que segue aí, no escaparate, cunha aborrecedora falta de alegría, pouco atractivo e sen capacidade para renovar sequera eses tres, catro ou cinco vellos envases. A data de caducidade chama máis a atención ca os desgastados envoltorios. E resultaba que eran precisamente os envoltorios os que excitaban competencia.

Nada de área comercial electoral, nada de marcas, e esa decisión, case un arrouto, aféctalles mesmo a aquelas que coa mellor das intencións procuran ofrecer produtos diferentes en algo. O novo suxeito, emporiso, non parece moi interesado na operación mercantil. E esa desafección compradora tamén pon na corda frouxa os medios de comunicación tradicionais. Cando menos, a súa función como escenario dunha competencia político-mercantil que conclúe nunha expropiación forzosa da capacidade de participación e decisión democrática da cidadanía do común. Se a cidadanía rexeita a función que tiña encomendada, a de simple espectadora da poxa, o escenario da transacción perde sentido, murcha. Os medios de comunicación tradicionais óllanse e non comprenden. A pesar da súa activísima e parcial participación na campaña electoral, poucos electores tomaron en consideración as súas advertencias, as que expresaban a necesidade de preservar os vellos decorados e o reparto de funcións. Uns, sobre o escenario, representan; a xente, no patio de butacas, observa e aplaude. Mais a xente colle e non atende a razóns, vaise levantando das cadeiras e sae da representación en plena función. Os actores, case sempre sobreactuados, quedan perplexos na súa soidade e busca respostas ollando para un decorado menos imaxinativo ca os escenarios de Dogville.

Os medios de comunicación tradicionais comprobaron en propia carne a debilidade extrema do sentido común que ata hai moi pouco tempo era máis consistente e eterno ca os misterios teologais. Alguén anda tamén a remexer no sentido común. Tomemos nota. Porque esa é a primeira porta que cómpre seguir ensanchando ata o infinito. Anular o sentido común, vencer, construír un novo sentido común que mereza o apelido que leva. Remexer no sentido común é, ao cabo, cambialo por un novo que vai asomando aos poucos o fociño e cerca as murallas con concertina para candidatos e candidaturas incómodas que constrúen os medios de comunicación. Así se vai esvaecendo o sentido mercantil dos combates electorais. O novo suxeito vén a encontrarse en campo aberto e no medio dunha praza pública e a expresar que non quere mercado nin quere diferir as súas decisións nin a súa necesidade de mandar. Non é que renuncie á comunicación; ao contrario, protagoniza un asalto a novas formas de comunicación masiva, comunais. Ao sortear as murallas con concertina, o suxeito empeza a construír modos comunais de esnaquizar ese vello monopolio privado sobre a realidade. A realidade construímola todos. As eleccións teñen que servir para outra cousa.

O suxeito quere cambio. De nada lle serven as vellas normas. Constrúe a súa propia ética, que é republicana e socialmente comprometida. E cando despreza as marcas do mercado está a expresar que concibe as eleccións como un resorte para a acción e o goberno das cousas do común. Todo un programa revolucionario. O suxeito non se ve como comprador nin quere ser espectador; reclama a súa condición de protagonista. Repudia, aínda que non o explicite formalmente, o réxime de representación mediante o seu voto. Todo o poder ás mareas, e entón treme o papo dos homes de orde, que ventan o espectro. Iso tamén é divertido.

As grandes triunfadoras das eleccións do domingo son candidaturas de unidade popular, plurais, diversas, construídas desde abaixo con grandes contradicións e dificultades, flexibles, abismais en certos sentidos, imprevisibles, comprometidas, inclusivas, non sectarias. Non é casual que as expresións do réxime lles esixan asumir algunha marca. Pero non hai marca. E esa é unha forma de construír outros escenarios en que o reparto de funcións xa non sexa o de sempre. Minorizar as marcas electorais é tamén unha forma de expresar a condición dos seguintes pasos que cómpre dar. Vivimos unha impugnación monumental, pois esa desafección respecto ás marcas electorais tamén expresan, talvez, certo repudio ao imperio absoluto e absolutista do mercado sobre as vidas e as decisións comunais. Non queremos marcas. A Unidade Popular non é compatible co interese de parte nin coa preponderancia da marca. Alá onde hai unidade popular, a marca devén irrelevante.

A maioría de nós, porén, fomos criados nos espazos asfixiantes do mercado. Aprendemos a asociarnos a marcas e a identificarnos a elas coma se importasen os envoltorios. E mesmo lles pillamos cariño, como llelo collemos ás cores e ao escudo dun equipo de fútbol. Tanto cariño, que, ás veces, se nos falta esa marca sentimos que nos faltase o aire mesmo. Igual nos ocorre con certos significantes que funcionan como logotipos de identificación neses andeis absurdos do mercado electoral.

A esquerda e o nacionalismo son moi dados a esta identificación afectiva. Unha identificación algo útil en certas circunstancias, pero só se non anula a dimensión verdadeiramente política e material das cousas, dos itinerarios que cómpre percorrer e dos diferentes ritmos con que o tempo se move en cada momento histórico. Significantes fetiche e marcas eternas son xusto o contrario dunha acción política emancipadora. A República Galega e unha sociedade poscapitalista non xorden coa súa simple enunciación, esixen unha construción detallada e hexemonía no imaxinario da maioría social, das clases subalternas, como espazo de realización común e non como imaxe remota dun desexo inalcanzable. Espazo de realización común quere dicir que non espera por nós nin nos pregunta as nosas profesións de fe. Nunca existirá unha República Galega constituída só por cidadanía conspicuamente nacionalista. Simplemente necesitamos ser cidadanía consciente da necesidade de decidir sobre a totalidade das cousas que nos afectan. E facelo.

Se somos capaces de entender algo tan simple, boa cousa será. Se non, seguiremos abusando de fórmulas lingüísticas baleiras e competindo por intereses mercantís e de autorreprodución. Mais o tempo está para outras cousas. Aí vén xa outra fase do proceso. A ver como a atacamos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s