Partir a malla de titanio. Condenada hexemonía


Son muller ás veces, e ás veces home.

Nalgunhas ocasións teño vinte e tantos anos e acabo de terminar os estudos universitarios; noutras, ando preto dos cincuenta e en certos momentos moi precisos vivo pola corentena e case trinta anos de traballo ao lombo.

Cando lle cadra, aos meus trinta, corenta e cinco ou setenta anos, levo toda a vida de muller atendendo os fillos primeiro, despois o marido, despois os pais.

Atendendo sen que ninguén me atenda.

Se son mozo, o meu futuro é a incerteza.

Tes un futuro cuántico, díxome un día un amigo meu que estudou física e marchou para Xenebra e alí casou e vive e inda é bolseiro en non sei que carallo de proxecto.

O tempo este que vivimos xa non será nunca coma o dos nosos pais, o cal é lóxico, pero ao mesmo tempo desacouga bastante.

Ou na parte en que lle toca ser coma o dos pais, este tempo é apodrentador.

Axunto choios temporais, boa cousa é, busco algún piso para alugar, tomo as miñas cañas e teño unha conta en facebook e outra en twitter coas que ando facendo amigos.

Debo mirarme e ser positiva, buscar dentro de min as respostas, comprender que se algo me sae mal ou non brilla como é debido de min depende parar de sentirme tranquila no fracaso.

Ás veces son un fracasado.

Pero síntome orgulloso do meu país, que co esforzo de todos sae para adiante.

E no deporte non hai quen nos gane.

Tamén teño anos de sobra para termar de todo.

Os fillos están criados, aínda que viven na casa, que remedio lles queda se non queren que as pagas se lles vaian polo burato dun piso, paga auga, paga luz, lava a roupa, fai a comida, xa non che digo que che dea por comer e cear fóra.

A muller andaba en máis de media ducia de casas, pero tivo que as ir deixando; xa non hai os cartos que había e tardan en pagarlle cando lle pagan.

Limpar escaleiras, facer as camas, pasar o ferro, fregar os chans, coidar nenos, é un privilexio cada vez máis escaso.

E que non me poña enferma.

Para o mes que vén acábanseme os catrocentos euros, e aos meus anos non me van contratar.

Aínda bo foi que ao principio da temporada puiden reservar unhas cadelas para pagar o abono do equipo.

Aquelas coidadoras eran lindas coma papouliñas e facían que os días me pasasen coma unha brisa morna, pero veume a buscar a filla e sacoume da residencia para levarme á súa casa. Trátame ben, pero case non a vexo. Nin a ela, nin ao home.

De cando en cando boto un cigarro, e nunca me falta o meu vaso de viño para mollar a gorxa.

Traballan mañá e tarde e noite coma se non houbese outro día, e cando volven traen na cabeza o traballo a escaravellarlles a area dos miolos coma un alacrán.

Á tardiña voume esquecendo de todo.

Ao meu avó sacárono de estudar a pesar de que seica daba moito de si e tiña traza de chegar a ser unha eminencia.

Traballou desde os once aos setenta anos, e despois aínda fixo algúns choios para que a ninguén lle faltase un cacho de pan que levar á boca porque o papá e a mamá bastante tiñan co que tiñan e non era tan fácil sacarnos adiante aos fillos e tal e cal.

Todo está difícil, pero tamén é verdade que nunca choveu que non escampara.

Afixémonos a vivir mellor do que podiamos, e iso tampouco é así, e mira que llelo dicía eu aos meus fillos, aforrade algo, que nunca sabedes como han vir as cousas, e cando veñan malas vainos faltar de todo.

E chegaron e eles nada aforraron, así que, agora pouco máis queda que ter moita fe.

A fe móveo todo, move montes e moreas, como non nos vai mover a nós?

Fe e confianza.

Hai que confiar.

Mentres non veña unha guerra nin unha desgraza nin unha enfermidade.

A mamá leva ano e medio esperando unhas radiografías, pero cando a chamen non sei como ha facer.

Ao meu home baixáronlle o soldo para que non pechara a empresa, aínda tivemos sorte, pero porque o dono é moi boa xente e preocúpase polos seus empregados.

Como se vai negar ao que lle pidan?

Vivín tan mergullado na humidade que xa nin vexo nin oio nin podo mover os xeonllos e teño que aguantar porque as menciñas xa me custan un ollo da cara, e antes eran gratis, e pouco máis fan que aliviarme sen dar quitado de todo a dor nin curar un mal que coa idade xa non se cura.

A que escola a mando?

Eu que sei o que fan, non me conta nada nin eu lle pregunto nin falo cos profesores porque estou todo o día de dios fóra da casa buscando traballo ou algo.

Todo está moi mal, pero ha de volver estar ben, non nos queixemos tanto.

Con queixas non se resolve nada se non poñemos todo da nosa parte, un pouco de sacrificio de cada un.

Xa me entendes o que quero dicir.

Xa nos entendemos.

Non está ben, pero tampouco está tan mal.

Iso se non acaban de jodela estes que rabian por entrar e esnaquizalo todo e traer o caos e a falta de respecto.

Non ven que os bancos xa empezan a gañar e xa vai baixando o paro?

Dino na radio.

Saímos da crise.

Non hai mal que cen anos dure.

Iso se non veñen a esfarelalo todo, xa che digo, fato de pimpíns que non valen para gobernar nin a súa casa.

Porque o que necesitamos é disciplina, moita disciplina, e non caos.

Que non queremos vivir coma en Venezuela, pobriños, nin que nos fagan calar e que non poidamos dicir que estas boquiñas son nosas ou non nos deixen levar un cachiño de pan á boca ou ser donos do que temos.

Disciplina, moita disciplina.

E acabar xa con cousas coma a desoutro día.

Alguén terá que amañalo.

Non pode ser.

Faime ferver o sangue.

Se os teño ao meu carón, non sei que lles fago. Pérdome, mira.

Algo hai que facer con eles.

Man dura, e xa está, moita man dura.

Non se pode permitir que insulten o himno, a bandeira, o rei…

Somos salvaxes, ou que?

Man dura é o que fai falta, moita man dura!

E un pouquiño de sentido común.

E moita fe.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s