Eleccións Sindicais na CRTVG


Estrella-roja-detalleHai tempo, bastante tempo xa, demasiado, fun durante dúas lexislaturas Presidente do Comité de Empresa da TVG. Tocoume vivir, probablemente, algúns dos momentos máis duros para estes medios públicos a cuxo cadro de persoal pertenzo desde hai xa unha chea de anos. E foron pasando, e aquí estamos aínda. Presidín o Comité de Empresa como representante da CIG, despois dun breve período de representante da CXTG, desde as primeiras eleccións ás que se presentou a que daquela foi Converxencia Intersindical Galega, un proxecto de unidade sindical cheo de potencia e ilusión colectiva…

A historia da representación sindical na CRTVG pasou por múltiples fases, todas elas moi interesantes, e igual paga a pena contalas algún día. Desde o primeiro convenio colectivo ata aquelas famosas listas negras que, cando a chegada de Fraga ao goberno, por casualidade ou non, acabaron con compañeiras e compañeiros represaliados e na rúa. Despois viñeron unhas oposicións públicas, as máis xustas de todas dentro da súa inxustiza, que crebaron non poucas relacións e xeraron múltiples situacións que non querería volver vivir. Polo medio, aquel intento ilusionante pero fracasado de armar un Sindicato da Información de Galicia no seo da CXTG, un proxecto que arrincamos canda compañeiros coma Manolo Rivas e Carlos Blanco ou a inesquecible Begoña Caamaño.

Toda esa bagaxe humana e política estará sempre aí.

Chegado un momento, decidín que a miña singradura sindical na primeira liña estaba cuberta e xa non tocaba repetir. Non volvín presentarme. Continuei militando na CIG, pero de forma pasiva. A representación sindical non pode converterse nun labor burocrático de autorreprodución. E talvez esa distancia buscada me axudou a observar de forma moi crítica a incapacidade das cúpulas sindicais para comprenderen o tempo que vivimos, as necesidades da inmensa e diversa multitude asalariada e mesmo a inapreixable composición de clase do proletariado que en teoría se dedican a organizar e a protexer. Inapreixable na medida en que é imposible captala coas medidas dunha clase obreira industrial que xa non é maioritaria. Por iso me sobrevén, case que sistematicamente, un bo sorriso cando escoito ou leo as autocualificacións de sindicalismo realmente combativo e penso na inmensa riada de asalariados e asalariadas que caen fóra do ámbito sindical sen que as organizacións saiban nin como aproximarse á súa beira. Nin lles interese, na maior parte dos casos. Ou como se procede á demolición, tras marxinalización e mediante control absoluto e obsesivo, de iniciativas sociais chamadas no seu día a forneceren espazos de ruptura. Nada novo. Ou como se segue desprezando a principal razón de existir e de recoñecerse do movemento obreiro ao longo da súa historia, desde Marx aos nosos días, que é a impugnación do traballo asalariado en procura da súa abolición. Pero eses son outros debates, quizais.

Para as eleccións sindicais do 4 de xuño na CRTVG, eu acudín á chamada dos compañeiros e compañeiras da CIG e fixen parte da súa candidatura. No posto 17, que garantía non saír elixido, claro. Entendín que, dadas as circunstancias, era importante estar. E non polos resultados. Os resultados non son o importante. Foron discretos, non foron extraordinarios, tampouco foron malos. E o mesmo, nunha ou noutra medida, poderían dicir o resto das candidaturas presentadas: CUT, que resultou gañadora, e tamén CCOO, USO e UGT.

Pero as miserias do réxime de representación política que nos abafa e estamos empezando a rebentar nos procesos electorais ordinarios aínda non escaparon do interior da representación sindical e das súas feblezas competitivas. As lecturas dos resultados con beneficio de parte son ridículas e, ademais, expresan unha concepción do traballo sindical e da propia organización en si en relación coas masas de asalariadas e asalariados máis ben pobre. Reaccionaria. A competencia non pareceu dar paso aínda en certos ámbitos á cooperación. E é que a ruptura e o combate non se enuncian, practícanse.

O programa electoral da CIG para estas eleccións sindicais da CRTVG pivotou sobre tres esteos. Empezou nun chamamento á unidade. Pero non á unidade sindical, esa especie de significante baleiro que en ocasións queda ben manexar pero que as máis das veces carece de sentido, senón á unidade de traballadoras e traballadores da CRTVG. Porque, ao contrario do que ocorre no seo da sociedade civil, na que se contradín intereses antagónicos, todas, todos navegamos no mesmo mar de intereses, non hai, non pode habelos, antagonismos, por moito que haxa sempre irresponsables que gocen excitando contradicións aparentes. E porque ese mar de intereses repousa nun medio de comunicación público e non nunha empresa privada. Ou sexa, o noso salario non é exactamente o resultado dunha extracción de plusvalía do valor que xeramos. É algo máis complexo e con máis arestas e reviravoltas que unha representación sindical digna de tal nome non pode deixar de ter en conta.

Outro piar programático foi unha chamada ao asemblearismo. Devolver xa, de vez, todo o poder ás asembleas, crebar a lóxica da representación na práctica, máis alá do clixé discursivo.

E o terceiro esteo é unha apelación a un gran acordo social para definir un novo modelo de medios de comunicación públicos para Galicia. Os traballadores e traballadoras da CRTVG temos a obriga de construírmos de nós mesmos un relato e unha imaxe de servidores públicos, que é, nada máis, o que somos, o que podemos e o que debemos e queremos ser. E para iso teremos que nos converter en axentes de devolución, con outros actores sociais, da titularidade dos nosos medios públicos a quen lle corresponde. Ou sexa, ao conxunto da sociedade galega e non ás corporacións mediáticas privadas nin aos comités executivos partidarios. Oxalá sexa posible encetar ese debate público e oxalá teña rendemento. Máis alá, sempre moito máis alá, dos esclerotizados lugares comúns en que levan tempo e tempo instalados certos discursos.

Non teño ningunha dúbida de que absolutamente toda a representación sindical da CRTVG vai defender, con maior ou menor acerto pero con absoluta lealdade, os intereses colectivos por riba de intereses de parte, sexan persoais, sexan de facción ou grupo. E que comprenderán, como sempre se comprendeu e se defendeu, a dimensión social dos medios de comunicación públicos, a súa necesidade e os compromisos ineludibles aos que ten que incorporarse o antes posible. E a dependencia absoluta das traballadoras e traballadores da TVG e da Radio Galega respecto da cidadanía do común. Máis aló, mesmo, da lexítima defensa dos nosos dereitos colectivos, que en ningún momento se pode poñer en dúbida.

As eleccións sindicais deixan, no meu modesto entender, dúas mensaxes moi claras. Dunha banda, un importante nivel de implicación do conxunto de traballadoras e traballadores da CRTVG, cunha participación de máis dun 75% do cadro de persoal con dereito a voto; da outra, uns resultados moi axustados e moi equilibrados entre todas as opcións sindicais que se presentaron. Será responsabilidade común converter esa participación e esa pouco determinante diferenza de apoios nunha forza unitaria por riba de pequenas vitorias pírricas, que son, como sabemos, aquelas que producen máis danos que beneficios. A fragmentación e a división son sempre, e neste tempo máis ca nunca, funcionais ao poder en todas as súas ramificacións, manifestacións e capilaridades.

Por algún motivo teño a sensación de que se abre unha nova etapa na historia sindical da CRTVG, desigual e irregular, con luces e sombras, por suposto. E esa nova etapa terá que estar en sintonía, necesariamente, cos procesos de transformación social e política que podemos estar albiscando neste momento histórico. Se todas as traballadoras e traballadores da TVG e da Radio Galega contribuímos a facer dos nosos medios públicos un factor principal de democratización e de avance social estaremos demostrando o que non por ser obvio deixou de estar en discusión en todos estes anos: a necesidade dos nosos medios de comunicación públicos como instrumentos de primeira magnitude para estruturar unha Galicia diferente que responda ao ideal da liberdade, da igualdade e da fraternidade.

Parabéns aos nosos representantes sindicais, parabéns á CUT por ser a candidatura máis votada e para todos nós toda a colaboración e toda a forza colectiva.

Os resultados:

Censo: 847
Votos emitidos: 646

CUT: 171 votos, 6 representantes
CIG: 117 votos, 4 representantes
CCOO: 116 votos, 4 representantes
USO: 113 votos, 4 representantes
UGT: 89 votos, 3 representantes

Advertisements

2 respostas a “Eleccións Sindicais na CRTVG

  1. Creo que é moi acertada a reflexión sobre as Eleccións Sindicais, todas e todos formamos a CRTVG e somos ou deberiamos ser avais desta empresa pública, de que funcione e que sexa un verdadeiro medio de comunicación público e galego. Pero esa unión non se vai dar, hai demasiados intereses non do colectivo senón do particular, que o que mata toda posta en escea en común.

    Gústame

  2. É probable que eses intereses particulares estean postos nun primeiro plano. Pois haberá que moverse á marxe deles, porque non son os do común nin os da maioría.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s