Primeiras estacións nun itinerario tan simple como incerto


Xa o dixen. Máis aló doutras consideracións, que as haberá e moi ben artelladas, os resultados das pasadas municipais déixanse ler cunha claridade asombrosa. Nin sequera son precisas demasiadas análises de fondo. A intelixencia vital das persoas ten esa brillantez analítica que no cotián, en tres palabras, sen necesidade de significantes flotantes nin farrapos de gaitas nin metáforas de estilo basto, expresa a exactitude das experiencias, dos desexos e das necesidades. Despois traducimos iso a unha palabra de orde: Unidade. Pero a prosa popular é sempre máis exacta, máis precisa.

En España, a esquerda de ruptura co réxime da restauración borbónica, o do 78, ten por diante unha tarefa á que se debera aplicar xa. Ninguén necesita poñer un dorsal nas costas para correr na carreira por ver quen capitaliza mediaticamente o fervor unitarista, fronteamplista, converxente. Máis eficaz será que os suxeitos que se consideren capaces de favorecer procesos de converxencia e / ou unidade popular se poñan a traballar fóra dos focos mediáticos, sen se preocuparen polos encadres das fotos, e listo. Ese proceso implica esquecerse xa de escenificar ningunha clase de competencia con Podemos nin con ningunha outra organización, nin apelación de ningunha clase. Podemos ten dereiro ao onanismo da sinécdoque: a Unidade Popular son eu, a Democracia son eu, a Reforma son eu, o Pobo son eu.

Se é así, que tire para adiante a sinécdoque. As forzas sociais e políticas que consideren imprescindible algunha modalidade de converxencia que a ensaien. E se hai intentos, máis ou menos incompletos, de Candidaturas de Unidade Popular, que Podemos compita con elas, que é o seu soño máis húmido. Xa se encontrarán na institución intentando pactar co PSOE algún posto transcendental na Mesa do Congreso.

En Galicia, a cousa é distinta. Somos unha nación, seica.

Creo que non debemos deixar de ollar o que ocorre noutras circunscricións electorais, porque haberá que actuar en común con outros suxeitos para facer saltar polos aires o réxime, que é, como sabemos, condición indispensable, aínda que non suficiente, para un proceso constituínte e a nosa conquista da condición de Pobo Soberano. Pero o suxeito que xurda do espazo de ruptura aquí será autónomo, ambicioso, solidario e colaborador. E deberá ter a porta aberta para quen desexe participar nel. Sen exclusións. O proceso é moi claro. Pasa por profundizar na Unidade Popular que, no ámbito político, arrincou con AGE en 2012 pero xa a desbordou sobradamente, por fortuna. Noutro momento falaremos diso, pero de que extraordinaria cegueira fachendean aqueles que insisten en caracterizar AGE como un fracaso. Esperemos que nas súas mans non caia máis responsabilidade da necesaria, pois entre os dedos lles escorrería.

É obvio que Unidade Popular non é unidade do nacionalismo. Tan obvio como que a autonomía e o proxecto nacional dese suxeito de unidade popular non estivo nin está nin estará nunca en discusión. Pero conviría non confundir os termos nin, sobre todo, os significados. É obvio, para min, que a Unidade Popular non se pode organizar arredor dunha ideoloxía máis ou menos soberanista senón a partir dun programa social de ruptura e de organización das clases subalternas, das agredidas e dos agredidos. O obxectivo é a ruptura e un proceso de procesos constituíntes, non sentar en Madrid, nunha institución estable e para un proceso de reforma no mellor dos casos, un grupo de dous, tres, catro ou cinco deputados nacionalistas. O obxectivo é crebar o espiñazo do réxime e abrir ese proceso de procesos constituíntes. No social, e con panca nacional.

O proceso é simple, doado, claro. Pero será complicado. Oxalá as organizacións saiban comprender o momento histórico, a oportunidade aberta e as necesidades que comprenden con tanta exactitude as persoas reais que viven e sofren e se remexen na base material que nos expreme. Oxalá as organizacións saiban estar á altura da xente que con tanta claridade falou o 24 de maio pasado.

Oxalá.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s