Omnia Sunt Communia!


Ho visto che lo portavano via. Uno del drappello che lo ha catturato mi ha detto che ha lottato come un leone, che è stato difficile, i soldati erano intimoriti dal suo sguardo e dalle sue parole. Mentre lo portavano via sul carro ancora lo sentivo urlare “Omnia sunt communia!”

Esta é unha das citas que aparecen no meu libro Materia, publicado no ano 2005. Pertence a unha moi interesante novela, titulada Q, da autoría dun estraño personaxe: Luther BlissettLuther_Blissett

Luther Blissett é en realidade o nome dun futbolista de procedencia xamaicana. Nos anos oitenta fichou polo A.C. Milan e durante esa década xogou algunha vez, seica, coa selección inglesa. Ao parecer, Luther Blissett pasou á historia do fútbol italiano por ser o peor xogador de todos os tempos. Pero segundo os activistas que tomaron o seu nome para convertelo nun nome múltiple, autor de infinitude de accións e duns notables textos literarios, a razón do seu fracaso no equipo milanés cumpría explicala máis acudindo á cor da súa pel e ao racismo nada disimulado da afección milanesa por aquela altura.

O caso é que Luther Blissett se converteu nun nome múltiple, é dicir, nunha materialización da ausencia de nome, da nula importancia que ten a designación da individualidade mediante unha marca específica. Así, calquera podería facerse con ese nome e empregalo para calquera clase de acción subversiva e de ruptura. Así foi. Sobre todo nas dúas décadas pasadas, o nome de Luther Blissett funcionou como identificación de numerosas accións colectivas. En teoría, e esa é a potencia dun nome múltiple, segue aí para poder ser utilizado. E hai unha intelixencia subxacente na multitude, compartida, que a conduce a apropiarse desa forza para accións de transgresión da orde e de ruptura cos modos e as bases da comunicación de masas hexemónicas. Coas relacións de produción, ao cabo, co poder non como institución nin como goberno senón como relación social múltiple e complexa. Iso é o que Luther Blissett, o nome múltiple, pon sempre en cuestión. As institucións e a hexemonía burguesas.

Esta novela de Luther Blisset, un grupo de catro autores anónimos, que máis adiante formarían o colectivo literario Wu Ming (que en chinés significa precisamente iso, anónimo, sen nome), foca a súa acción na época da guerra dos campesiños alemáns de 1525, ano en que é decapitado Thomas Müntzer, o crego revolucionario ao que se refire a cita que encabeza este texto. Arredor de Müntzer, un fascinante personaxe, transcorre a acción desta novela. E é precisamente ese berro, esa consigna igualitaria que lanza Muntzer, Omnia sunt communia, a que talvez conecte cos tempos que vivimos aquela intensísima revolución do século XVI, que tivo un precedente moi próximo nas revolucións irmandiñas do século anterior en Galicia.

Omnia sunt communia!

Escoitámolo en moitas tomas de posesión de alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros do pasado día 13 de xuño. Non parece que fora unha fórmula de prometer o cargo que xurdise dalgunha decisión centralizada. Máis ben expresaba un modo de compromiso coa realidade e coa rede de votantes que decidiu saltar as marxes do posible para impugnar os discursos e a base material do réxime e do sistema. Todo é de todos. E esa idea que entrou nalgunhas institucións, que nada ten que ver coa impostora alusión ao interés xeral tan cara aos partidos dinásticos, conéctanos con outros momentos da historia recente. Ou, por o dicir doutra maneira, evidencia a continuidade histórica, o fío encarnado dunha pulsión liberadora que vén impugnando de maneira crecente o réxime de representación política. Esa forma de democracia aparente que se remexe coas carnes e as feridas ao aire, co fedor da materia podrecida que se lle descompón. Nunca houbo, en realidade, suspensión da continuidade histórica. Non a hai, por moito que ás veces o fío vermello se teña que agochar baixo a colcha opaca do tempo.

Entre nós, vímolo dicindo, o fío vermello está directamente conectado a aquel momento constituínte que significou a rebelión popular de Nunca Máis. E antes tivera xa outros episodios de osmar os recendos do cambio histórico, como foron as loitas contra a LOU, por exemplo, ou diversos acontecementos de folgas xerais e outras mobilizacións populares. Houbo quen pensou naquela altura que todo quedaba resolto nun momento electoral feble, e ese era o obxectivo, pero non foi así. O movemento quedou aparentemente desarticulado, pero o virus que o infectou, as bases materiais sobre as que xurdiu, non podían máis que pervivir contra toda estética e toda política adversas. Por iso resoou, dunha ou doutra maneira, en moitas salóns de plenos a vella proclama de Thomas Müntzer: Omnia sunt communia! Todo é de todos!

Ese é o programa para esta fase que se encetou o pasado día 13.

Creo lembrar que fora no ano 2002, un 14 de decembro, a partir dunha asemblea popular realizada en Aguiño, un dos centros da rede de resposta popular que se teceu contra o atentado do Prestige. Alí xurdiu entre un grupo de persoas de procedencias diversas un proxecto que tivo unha duración breve pero intensa. Chamouse Contramaré, e pretendía ser, simplemente, un ensaio de contracomunicación. Un pequeno boletín autoeditado, difundido mediante fotocopias, gratuíto, no que toda persoa que así o desexase era ao mesmo tempo xornalista, lectora, distribuidora. Autoorganización, os espazos de decisión recreados en ensaios de institucións asemblearias que serven para protexerse todo un pobo dos efectos mortais dunha traxedia que non era un accidente senón o resultado dun modelo económico, social e político. A potencia colectiva. A multitude.

Nalgún lugar da cabeceira de cada un dos números daquel boletín popular inscribiuse unha proclama: Todo é de tod@s!

Era o Omnia sunt communia de Thomas Müntzer actualizado pola historia. O mesmo que plasmaron os Luther Blissett na novela Q. O mesmo que, baixo diversas formas, soou o pasado día 13 de xuño de 2015 en prazas públicas, salóns de plenos e Casas do Concello que van converténdose en Pazos do Pobo.

E así, sen solución de continuidade, o proceso segue.

A potencia do común.

Omnia sunt communia!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s