Aflixida Grecia


ggt2O asunto de Grecia, unha negociación de base económica que supera infinitamente a miña comprensión, déixame con todo algunha sensación estraña. Aínda sendo consciente da necesidade de non seguir a senda deseñada polos medios de produción simbólica do sistema, tras acudir directamente á fonte, que é o que cómpre facer nestes casos de tanta complexidade. Dúas estrañas sensacións, fundamentalmente:

1. Creo que Varoufakis e Syriza están camiñando sobre unha cornixa en ruínas e que para non caeren ao abismo prefiren avanzar sobre base nada firme e cascallos que se van desprendendo no canto de escacharen algún cristal e pola fiestra rota saír da cornixa. Non sei se vai dar aguantado, de tanto peso como se lle vai acumulando enriba, a pobre da cornixa que se descompón. Se a saída da crise de Grecia se plasma nun acordo cosido con máis e máis e milleiros de privatizacións, se é que queda algo por privatizar, ao mellor o paseo pola cornixa non ten ningún sentido. Xa veremos.

2. Non me gusta o ton suplicante de Varoufakis. E ademais creo que se empeza a facer moi evidente un desaxuste grave: o goberno grego apela a unha zona cordial das institucións europeas que non existe, que non pode existir, que sería incompatible con elas. Nin lles preocupa o sufrimento da xente nin aquilo que parece ser o motor primario dos movementos do goberno grego: evitar unha caída en mans de forzas totalitarias e fascistas. En realidade, dá a impresión de que o diálogo se produce en dous códigos diferentes, mutuamente incomprensibles, imposibles de aproximar. De aí a sensación de que hai un ton de súplica absolutamente innecesario.

Dito iso, o que eu desexo con verdadeira ansia é que de todo ese proceso negociador saia un triunfo sen discusión para os compañeiros e compañeiras de Grecia, que termine o sufrimento do seu pobo, que se avance no que se poida avanzar e se resista no que non haxa máis remedio que resistir. A todos os pobos de Europa nos vai moito nesta partida de ruleta rusa. Nese sentido, eu sigo defendendo que o goberno grego debe ter todo o apoio, sen condicións, de toda a esquerda mundial que mereza tal nome, de todas as forzas populares. Outra cousa moi diferente é que renunciemos a expresar as nosas dúbidas e mesmo as nosas perplexidades, que as haberá nun asunto tan complexo e atravesado coma este.

O proceso ao que estamos asistindo é a escenificación canónica dun relato de corte mafioso. Ao goberno lexítimo dun pobo díselle que ou condena o seu pobo a pasar fame, á pobreza e á miseria, en beneficio dunha elite selecta que só posúe a lexitimidade do negocio, ou non hai nada que falar. Ou nos pagas pola protección forzosa que che ofrecemos ou che poñemos unha bomba no local. Esa é a lóxica das institucións antes coñecidas como Troica. No relato, non podían faltar as forzas de apoio. Aquí, a policía ten comisarías abertas nos barrios liberais e nos socialdemócratas.

Nesa representación criminal e mafiosa, valores tan ridículos coma a libre e democrática decisión da xente son, simplemente, estorbos para o negocio. O noxo do réxime e do sistema quedan expostos ao aire, en carne viva, con todo ese fedor das institucións que se superpoñen mesmo á máis inocente e insubstancial das formalidades democráticas. Marx defendía que a República Democrática era a forma de goberno que mellor lle conviña ao capitalismo. Talvez se enganaba. Talvez é o fascismo financeiro a fase superior do capitalismo totalitario.

O peor dos crimes que, na lóxica brutal das institucións comunitarias, cometen o goberno grego e Syriza quizais non sexa, con todo, intentar unha política que, cando menos nalgúns aspectos, xerarquice en favor do benestar da súa xente. Ou, dadas as circunstancias, que evite máis sufrimento. A imperdoable ousadía grega é, sen ningunha dúbida, atreverse a enunciar o imposible. O prohibido. Aquilo que a relixión, e non outra cousa é a hexemonía cultural capitalista, envía ao inferno dos condenados. E ao pobo grego, que tamén comete a ousadía de elixir o inconveniente e de enunciar como posible o que o sentido común do sistema proclama imposible, estes amos de Europa sen lexitimidade democrática aplicaranlle o peor dos castigos. Un castigo exemplar que ten que servir de advertencia para o resto dos pobos de Europa, non vaia ser que nos dea por engadir forzas á solitaria tropa grega.

Pois esa será a tarefa máis urxente, levantar pouco a pouco, pero sen pausa, o continxente que proclame que aquilo que os donos do negocio declararon imposible non só é posible, senón que é necesario, urxente e cae cerquiña das nosas mans colectivas.

Esa é tamén unha das dimensións das próximas contendas electorais, fases de mobilización, conciencia e conquista.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s