OXI


Ollamos para Grecia, sentimos o fétido alento da becha, tan horrenda, e comprendemos a súa insaciable voracidade. A camorra non descansa. Con cada acción pretende garantir a persistencia do negocio, pero ademais desexa ser exemplarizante, amosarlle ao mundo que o delito de poñer en dúbida a súa autoridade e a súa verdade ten un prezo enorme. Maior mesmo ca o da chantaxe da falsa protección. Apelar aos seus sentimentos ou á súa razón é inútil. Falar de política coa besta mafiosa é querer naturalfotonoticia_20150625102454_644izar unha quimera monstruosa. Acudir ao raciocinio, grande inxenuidade. Non hai lugar a crer que todo se resolve no autónomo universo elegante da política, coma se este non fose a proxección dun complexo xogo de intereses. Intereses de espolio e saqueo abertamente enfrontados á supervivencia de millóns de persoas. Pouca cousa. A Unión Europea é unha máquina extractiva que cómpre deter. Non nos ofrecerá tregua se non aceptamos a escravitude que nos propón. É un enfrontamento de base material, claro, nin sequera ideolóxico. Esta loita será longa, moi longa, non fixo máis que empezar.

O escenario da traxedia está levantado con material adquirido nas tendas de Lagarde, Draghi, Juncker e demais compañía miserable. Non esquezamos nunca os repugnantes Hollande e Renzi. Fóra do escenario que se propón, o baleiro. A substitución da política polo broadcasting ten as súas duras esixencias. Hai moito de aparencia nesa acoutación imperial, nesa supresión do exterior, unha aparencia que cómpre crebar. A Unión Europea é un suxeito de poder atroz e implacable, pero determina as vidas da xente. Por iso, non estamos en condicións de ollar a outro lado ou de facer coma se nada alén de nós existise.

O combate non se dá só nun único escenario. O campo de batalla é multiforme, multidimensional, ocupa a totalidade do espazo social, do material e do inmaterial, do que construímos coas mans e do que arma o cerebro, mesmo a imaxinación. Enormes batallas se dan en cada unha das células da sociedade civil europea e dos aparellos estatais. Cada unha delas é crucial, todas configuran unha expresión irresoluble de antagonismo. Poderá parecer que algunhas quedan lonxe e son responsabilidade única do pobo grego. Pero non. O que está ocorrendo neste momento apélanos ás clases populares europeas, máis aló de nacións, rexións, provincias ou estados plurinacionais ou monovarietais. A todos nos afecta, aos e ás de abaixo, porque nesta loita desigual entre a Camorra, ou sexa, o Eurogrupo, e a xente, xente somos todas e todos.

Solidariedade xa non é un termo suficiente para o expresar todo. A solidariedade é inevitablemente necesaria, pero o xogo nesta altura a xa está situado noutro plano. O combate de intereses enfrontados é a vida ou morte. Ou triunfa o proxecto de escravitude xeneralizada da Unión Europea, unha recomposición a grande escala do thatcherismo e o pinochetismo, no que os pobos do Sur estamos chamados a ser unha subclase despoxada de dereitos e de benestar, ou triunfamos nós, a xente. Derrubando o castelo e construíndo as nosas propias institucións do común. Cando dicimos Grecia somos nós nin acudimos a ningunha figura retórica. A nosa vida está en xogo.

Levamos tempo véndolle a cara á becha, o rostro das peores e máis xeneralizadas violencias sistemáticas. Violencias de toda caste, das que non reparan nin nas marxes da morte se é necesario. Fascismo financeiro, chamouse nalgún momento. Fascismo 2.0. E neste momento crítico, unha violencia particularmente aguda, violencia de vinganza, persecución mafiosa do mal exemplo, castigo preventivo. Violencia aplicada tamén contra os nosos imaxinarios colectivos, mesmo contra os nosos soños.

A mafia non é uniforme, é dispersa e diversa. Aprendámolo, porque enfrontarnos a ela require intelixencia na súa comprensión e creatividade no enfrontamento e na oposición aos seus sicarios. Entre eles, hai unha vangarda discursiva adestrada para disparando as súas metralletas contra o sentido común, contra a dignidade humana e dos pobos agredidos, contra o dereito a vivir unha vida digna, contra o que os nosos ollos ven e as nosas carnes senten, contra toda posibilidade de raciocinio, contra todo intento de exercicio democrático do poder. Os medios de comunicación tradicionais non teñen dúbida respecto a que partido deben tomar. Nunca a tiveron. Tampouco as organizacións políticas do réxime, nin as que teñen como cometido salvagardar a calquera prezo os intereses e as decisións da oligarquía, nin a daquelas cuxo gran obxectivo é actuar como dique de contención, barreira infranqueable para as masas populares e traballadoras.

Non teño dúbida de que o cometido máis importante desta facción de sicarios é enfrontar as clases populares de Europa entre si, fundamentalmente nos estados do sur, e contra o pobo grego. Se no gran bloque histórico que se constrúe entre os pobos agredidos de Europa introducen a fisura da competencia e da violencia interna, o fascismo 2.0, o fascismo-camorra, conquistará un triunfo para moitas décadas.

Non sei en que pode terminar todo este conflito que neste momento ten expresión de vangarda no enfrontamento aberto entre o Eurogrupo, ou sexa, a mafia antidemocrática e antipopular, e o pobo grego, cos seus lexítimos representantes políticos á fronte. Espero que nun triunfo dun novo sentido común, que é o que realmente temen os donos do negocio. Nese sentido, creo que un importante labor da esquerda europea será impedir a explosión desa bomba de fragmentación e contribuír a construír no imaxinario colectivo das clases populares de todos os pobos de Europa a verdade principal: todos compartimos intereses, loita e necesidades. Todos somos un mesmo pobo. A loita do pobo grego pola súa soberanía, pola democracia e polo seu benestar é exactamente a nosa. O noso inimigo, digan o que digan os sicarios, non é o agredido do pobo grego. Os nosos inimigos irreconciliables son a Camorra antidemocrática e antipopular e todos os seus sicarios.

Velaí unha tarefa para a esquerda deste tempo. Talvez só se trate, para empezar, de completar solidariedade, que sempre implica suxeitos diferentes, con identificación e identidade, que necesariamente implica concibirnos como un gran suxeito destituínte e constituínte.

Todos somos pobo grego, e é verdade, porque o pobo grego, co seu goberno á cabeza, está actuando como vangarda de todos os pobos agredidos de Europa. Das clases populares europeas. Das traballadoras e traballadores que no vello continente nos negamos a asumir a ditadura thatcher-pinochetista que os donos do negocio nos queren impoñer coa necesaria e entusiasta colaboración de liberais e socialdemócratas.

Venceremos!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s