Relatos demasiado perfectos e de previsible final feliz


Na literatura, e en concreto na narrativa, unha historia de desenvolvemento lineal que lle ofrece ao lector a desagradable sensación de que a súa función queda suprimida pola magnitude do texto en si acaba defraudando todo horizonte de expectativas. Porque o texto fóra do lector non existe. É material aborrecible, unha trama lisa na que os personaxes só e exclusivamente cumpren a función de achegarnos ao desenlace xa adiviñado e programado desde o primeiro parágrafo, carecen de dimensións humanas complexas e contraditorias e saben que non se van enfrontar a nada que ameace con apartalos do seu camiño previamente trazado. Viven coa tranquilidade do pactado polo sentido común antes mesmo da escrita do propio texto, moito antes da súa actualización na recepción. Talvez ese texto se venda moito se ten un bo lanzamento ou a sorte, por algo de azar ou polo que sexa, de pasar a facer parte das lecturas obrigatorias do ensino secundario. Pero a poucos lectores fará gozar.

O texto literario esixe personaxes de múltiples dimensións, contraditorios, agres, cheos de arestas e incomodidades. E esixe, sobre todo, camiños sinuosos, golpes e atrancos que fagan xurdir o rostro atractivo do inesperado, que manteñan sempre o lector nun estado de expectación endexamais satisfeito de todo.

A literatura é así porque así, ao cabo, é a vida. Tampouco a podemos prever. Nada máis que ila percorrendo e sorteando cada acontecemento coa nosa mellor intelixencia e con confianza en que o azar non sexa demasiado severo.

No terreo social e no político, moitas veces tendemos a pensar que todo depende das nosas intencións e que aqueles vieiros que trazamos se cumprirán con exactitude porque non xurdirá ningún atranco que os obrigue a recompoñerse. Ese camiño liso, previamente deseñado nalgunha clase de laboratorio aséptico, real ou virtual, lembra a literatura de consumo rápido, chamada a cegar co seu brillo instantáneo nos quioscos dos aeroportos tanto como a desaparecer tras o seu propio fulgor inicial. Pensar así a política, con esa confianza sólida na capacidade para idear con precisión e simpleza os complexos procesos sociais e económicos e culturais, non deixa de ser a débeda dunha concepción extremadamente idealista. Idealista no sentido antimaterialista, por suposto.

E algo dese inxenuo prexuízo idealista pode empezar a perderse na complexidade do que vaia sendo o escenario político do estado español de aquí ás eleccións xerais.

En Galicia, emerxeu das eleccións municipais un suxeito político que conquistou unha inmensa lexitimidade. Coñecémolo xa no imaxinario popular como Mareas. E, como suxeito autónomo que é, está decidido a deseñar a súa propia ruta e a manexar, por tanto, a súa axenda sen necesidade de someterse a ningún actor político, teña a súa base en Madrid, téñaa en Compostela. É un suxeito que non nace por partenoxénese tras as municipais, ben o sabemos, que procede de xestacións anteriores, que se foi configurando paso a paso. Pero, indubidablemente, nas eleccións municipais é onde se fai cunha lexitimidade moi superior a de calquera que aspire a representar a vontade popular coma se fora a dun único e previsible individuo. Coma se o Pobo fose un deses personaxes planos e unidimensionais cuxos movementos é imposible non coñecer completamente desde a primeira páxina do texto narrativo.

No estado español, en moitas provincias e comunidades, ocorren e pasarán cousas semellantes. Experiencias de unidade popular xurdidas das municipais configuraranse como espazos de ruptura e como suxeitos políticos de cambio. Non se van resignar de ningunha maneira a facer parte subalterna dunha engrenaxe electoral formulada en certos despachos, a diluírse en maquinarias concibidas para outras funcións. O suxeito da unidade popular é moitísimo máis plural do que se cre nalgúns laboratorios. Multitude. 

E entón, xusto alí onde algúns observaban un camiño limpo, unha trama lisa e sen atrancos, con personaxes aburridos e unidimensionais, ata as eleccións xerais e máis alá, se cadra irán aparecendo atrancos no itinerario moito maiores dos que nunca pensaron encontrar. Se son tan intelixentes como cren, saberán entregarse a eles. Se non, bateranse contra as súas bases e talvez acaben facendo o ridículo. Pero o importante non é que un suxeito político faga o ridículo. Estamos curados de espanto nese sentido. O importante, e o imperdoable, sería que esa ausencia de intelixencia, esa torpeza narrativa que os levou a formular un relato idealista desprovisto de reviravoltas, atrancos, personaxes complexos e contraditorios e acontecementos inesperados e profundamente relevantes, acabase pagándoa quen tendo dereito a actuar na trama como actores principais son relegados a simples observadores cuxa única función é a de lexitimar decisións alleas.

Eu observo con absoluto interese como se está construíndo o relato.

Talvez, quen o sabe, Podemos termine por encontrarse nunha encrucillada non prevista. Despois dunha máis ou menos exitosa manobra de limpar o camiño liso de restroballos esquerdistas, igual aparecen reviravoltas do camiño que non favorecen ver con moita claridade o que hai máis alá. E o que hai máis alá se cadra son candidaturas xurdidas dos lexítimos suxeitos de base municipal que andan a teimar en dar pasos determinantes e decididos. Aos narradores de Podemos lles tocará decidir se compiten con esas candidaturas de unidade popular ou se se entregan a elas creativamente e achegando o moito que poden achegar á nova experiencia.

Entón, se é así, esta novela social e política que se está escribindo sen guión previo e de maneira colectiva collería un xiro moi interesante e seguiría captando a atención de cada vez máis lectores activos. Iso é o que ocorre cando as tramas inesperadas emerxen e levan por diante os aspirantes a protagonistas que ao final non eran máis ca personaxes secundarios chamados a favorecer novas emerxencias pero non a substituílas nin a determinalas.

Poñemos, logo, o ollo na emerxencia do protagonista que parecía ata hai pouco personaxe secundario.

Chámase Multitude.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s